Un posto de gasolina americano pechado durante o embargo ao petróleo en 1973.

A crise do petróleo de 1973 comezou en outubro de 1973 cando os membros da Organización dos Países Árabes Exportadores de Petróleo (OPAEP) proclamaron un embargo petrolífero. O embargo dirixiuse contra as nacións que se consideraba que apoiaron a Israel durante a Guerra do Yom Kippur.[1] Os países obxectivo do embargo foron inicialmente o Canadá, o Xapón, os Países Baixos, o Reino Unido e os Estados Unidos, co embargo tamén máis tarde expandíndose a Portugal, a Rodesia e a Suráfrica. Ata o final do embargo, en marzo de 1974, o prezo do petróleo subiu dos 3 dólares por barril a preto de 12 no mundo enteiro; os prezos nos Estados Unidos foron aínda maiores.[2] O embargo causou unha crise de petróleo, ou "choque", con moitos efectos de curto ou longo prazo na política e economía global. Máis tarde, chamouse o "primeiro choque do petróleo", seguido pola crise do petróleo de 1979, que se chamou o "segundo choque do petróleo".

Contexto

Produción e importación de petróleo nos Estados Unidos.

O declive da produción estadounidense de petróleo

A produción de petróleo estadounidense comezou a diminuír durante a década de 1980, agravando o impacto do embargo.

OPEP

A Organización dos Países Exportadores de Petróleo (OPEP), que estaba composta por 12 países, incluíndo Irán, sete países árabes (Iraq, Kuwait, Libia, Qatar, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos), alén de Venezuela, Indonesia, Nixeria e Ecuador, formárase na Conferencia de Bagdad o día 14 de setembro de 1960. A OPEP organizouse para resistir á presión exercida polas "Sete Irmás" (sete grandes empresas de petróleo do occidente) para reducir os prezos do petróleo.

Guerra do Yom Kipur

O día 16 de outubro de 1973 Siria e Exipto realizaron un ataque sorpresa a Israel. Semanas despois o xa persa, nesa época aliado estadounidense e segundo maior exportador de petróleo aos Estados Unidos, dixo nunha entrevista: "Claro que [o prezo do petróleo] irá aumentar. Certamente! E como! [...] Vostedes [occidentais] aumentaron o prezo do trigo que venden nun 300%, o mesmo se fixo para o azucre e o cemento [...] Vostedes compran o noso petróleo cru e venden de volta [...] a centenares de veces o prezo que nos pagaron [...] É xusto que vostedes paguen máis polo petróleo de agora en diante."[3]

O 12 de outubro de 1973, o presidente dos Estados Unidos, Richard Nixon autorizou Operación Nickel Grass, un transporte aéreo estratéxico para entregar armas e subministracións a Israel, despois de que a Unión Soviética comezase a enviar armas a Siria e Exipto.

Historia

Gráfico dos prezos do petróleo a partir de 1861-2015, mostrando un aumento acentuado en 1973, e novamente durante a crise de enerxía de 1979. A liña laranxa está axustada á inflación.

O embargo foi unha resposta para o envolvemento estadounidense na guerra do Yom Kippur en 1973. Seis días despois de Exipto e Siria lanzaren unha campaña militar sorpresa contra Israel, os Estados Unidos forneceron armas a Israel. En resposta a isto, a Organización dos Países Árabes Exportadores de Petróleo (OAPEP, que comprendía os membros árabes da OPEP, alén de Exipto e Siria), anunciou un embargo do petróleo contra o Canadá, o Xapón, os Países Baixos, o Reino Unido e os Estados Unidos.[4]

A crise tivo un impacto importante nas relacións internacionais e creou unha división na OTAN. Algúns paísess europeos e o Xapón procuraron apartarse da política exterior estadounidense no Oriente Medio para evitaren ser albo do boicot. Os produtores de petróleo árabes ligaron calquera futuras alteracións na política á paz entre os belixerantes. Para resolver iso, a administración Nixon iniciou negociacións multilaterais cos combatentes, convencendo Israel a retirar as posicións na península do Sinaí e nos outeiros do Golán. Ata o 18 de xaneiro de 1974, o Secretario de Estado Henry Kissinger negociou unha retirada das tropas israelís de partes do Sinai. A promesa dunha solución negociada entre Israel e Siria foi suficiente para convencer os produtores de petróleo árabes de rematar co embargo en marzo de 1974.

O embargo ocorreu nun momento de crecente consumo de petróleo por parte dos países industrializados, e coincidiu cun forte aumento nas importacións de petróleo polos Estados Unidos. O éxito do embargo demostrou o poder diplomático e económico da Arabia Saudita e resultou en varios países mudando as súas políticas enerxéticas para evitar unha futura dependencia.

Embargo

En resposta ao auxilio americano a Israel, a OPEP elevou o prezo do petóleo un 70% o día 16 de outubro de 1973 ata 5,11 dólares o barril.[5] Arabia Saudita e os outros estados árabes produtores de petróleo uníronse ao embargo o día 20 de outubro de 1973.[6]

Un home, en 1974, nunha estación de servizo le sobre o sistema de racionamento de gasolina nun xornal da tarde; unha placa no fondo afirma que non hai gasolina dispoñíbel.

Tamén se impuxeron aumentos de prezos. Como a curto prazo a demanda do petróleo é inelástica, a demanda inmediata cae pouco cando o prezo sobe. Así, os prezos de mercado subiron de 3 dólares por barril a 12 para axustar a demanda ao novo fornecemento máis baixo.[7] O sistema financeiro mundial, que xa estaba baixo a presión do colapso por Bretton Woods, definiuse nun camiño de recesión e inflación, que persistiu ata o inicio da década de 1980, cos prezos do petróleo permanecendo elevados ata 1986.

Efectos

Efectos económicos inmediatos

A OPEP forzou as empresas de petróleo a aumentar os pagamentos drasticamente. O prezo do petróleo cuadruplicouse a preto de 12 dólares por barril (58 dólares axustando a inflación) en 1974.[8]

O embargo tivo unha influencia negativa sobre a economía dos Estados Unidos, causando demandas inmediatas para lidar coas ameazas á súa seguranza enerxética.[9] A nivel internacional, o aumento de prezos alterou a competitividade de moitas industrias (por exemplo, de automóbiles e de paneis solares). Os problemas macroeconómicos consistiron en impactos tanto na inflación como na deflación. O embargo deixou as empresas petrolíferas interesadas en procurar novas maneiras para aumentar a oferta de petróleo, mesmo en terreo accidentado como o Ártico.[10]

Notas

  1. Smith, Charles D. (2006), Palestine and the Arab–Israeli Conflict, New York: Bedford, p. 329.
  2. "OPEC Oil Embargo 1973–1974". Consultado o 30 de agosto de 2012. 
  3. Smith, William. D. "Price Quadruples for Iranian Crude Oil at Auction", The New York Times, 12 de decembro de 1973.
  4. "Responding to Crisis". 26 de abril de 2010. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 5 de xaneiro de 2016. 
  5. Yergin 2008, p. 587
  6. Lenczowski 1990, p. 130
  7. Frum 2000, p. 318
  8. "The price of oil – in context". CBC News. Arquivado dende o orixinal o 9 de xuño de 2007. Consultado o 29 de maio de 2007. 
  9. Ikenberry 1986, p. 107
  10. Hirsch, Robert L. (1987). "Impending United States Energy Crisis". Science 235 (4795): 1467–1473 [p. 1467]. PMID 17775008. doi:10.1126/science.235.4795.1467. 

Véxase tamén

Bibliografía